lunes, 7 de marzo de 2016

Artículo sobre la novela "Azaña será ejecutado" en La Región

Mais non o deron matado, lástima fora, tampouco os nazis que ían ir a por el en Montauban (onde lle deron terra, en cova moi frecuentada) se no fose porque a morte se lles adiantou paradoxalmente. E os irmáns mexicanos, representados nun cónsul, aínda tiveran tempo de arroupalo coa bandeira da serpe. E non o deron matado os anarquistas desta sorprendente novela que me mantivo ocupado nos días últimos porque Azaña non estaba ese día na proxección de La Venus rubia, no Cine de la Ópera (antes, e despois, Real Cinema). Así e todo a operación era tan chafalleira como os ácratas que a argallaran. Sendo ese mundo anarquista (dos arredores dos “Cuatro Caminos”, daquela arrabaldo puro) o cerne e centro desta ambiciosa novela.
Que ten un plano actual na chegada a unha copistería dunha rapaza con novela. Novela que esquece durante un tempo, abondo como para que o dono da tenda faga por presentala a un concurso como propia. Logo hai un plano, tamén actual, no que se desenvolve unha historia de amor, un pouco ao sadomasoquista e que pouco engade ao núcleo central mais fala da ambición deste autor castellonenses, José Blasco del Álamo, do que compre agardar cousas boas. Tamén desde as maneiras (rigorosas as súas) da novela histórica; a súa abarca os tempos derradeiros da Monarquía de Alfonso XIII e a chegada e consecuentes zoupadas da II República. Por iso a presencia de Manuel Azaña y Díaz, aquel escritor elegante e político desbordado nun país pouco reflexivo. Que por iso Azaña xa tiña falado do prodixioso silencio que se produciría en España se a xente tan só falase do que sabe.

LEER MÁS

No hay comentarios: